Linguakit preséntase en sociedade

  • 4 Novembro, 2014
  • Linguakit
  • 0 Comentarios

Durante os últimos meses, o equipo de Linguakit desenvolveu un laborioso traballo no que percorreu unha serie de etapas que hoxe lle permiten celebrar a súa presentación oficial.

A principios do verán Linguakit iniciaba a súa andaina cos conxugadores verbais de Cilenis, abrindo as súas portas ao mundo coa promesa de ir agrandando a súa suite de ferramentas. Ao longo destes meses, fomos enchendo os diferentes módulos de Linguakit con instrumentos lingüísticos tan variados como un resumidor, un corrector, un tradutor, extractores de palabras chave, analizadores morfosintácticos, un analizador de frecuencias ou un analizador de sentimento; moitos deles pioneiros nas linguas ofrecidas.

Neste camiño, fomos da man o equipo desenvolvedor e todos os nosos usuarios. A medida que introduciamos os nosos módulos lingüísticos, recibiamos as suxestións de moitas das persoas que cada día utilizaban estes servizos.

O feedback creado entre ambos foi esencial para: mellorar o noso produto, estabelecer unha óptima comunicación cos nosos usuarios e adiantarnos ás súas necesidades:

  • Axustamos os nosos plans e fixémolos máis atractivos
  • Ampliamos o número de caracteres nas consultas
  • Linguakit permite agora inserir enderezos web, posibilidade que aforra traballo cando tratamos textos longos
  • Ofrecemos unha información máis directa ao usuario das súas consultas
  • Melloramos o cálculo de variedade léxica (no módulo Frecuencia) restrinxindo o seu cálculo ás palabras máis significativas como: verbos, substantivos, adxectivos e adverbios

Sen todo este traballo previo, Linguakit non sería a suite de ferramentas que hoxe pretendemos que sexa: un kit de servizos lingüísticos para un amplo abano de persoas; desde as máis próximas profesionalmente ao emprego das linguas ás que senten curiosidade e simpatía por elas.

Grazas a este feedback entre usuarios e empresa, a versión beta de Linguakit viuse enormemente enriquecida conseguindo subir de nivel, e obrigándonos a dar un paso máis. Esta é a razón de que esta semana Linguakit sexa unha noticia a destacar entre as páxinas sociais da prensa galega, española e portuguesa. Queremos que nos coñezan, chegar a máis xente e amosar que na Galiza hai lugar para a Enxeñaría Lingüística.

Aos nosos usuarios e clientes, dicirlles grazas, e aos futuros utilizadores…benvidos!

0 Comments