Linguakit muda de aspecto

  • 1 Agosto, 2014
  • Linguakit
  • 0 Comentarios

Unha nova páxina de inicio, máis práctica e completa

Dende Cilenis esmerámonos por ofrecervos produtos de calidade. Por iso, mudando a páxina de inicio de Linguakit queremos facervos máis accesible a navegación e o manexo da súa suite de ferramentas. Así, ao entrar en Linguakit o primeiro que vas atopar non é o conxugador verbal, senón unha pantalla de análise completa.

Que é isto?

Agora, nun só paso, Linguakit realiza unha análise máis completa empregando parte da información proporcionada polas súas ferramentas. Nunha soa pantalla podes coñecer o número de palabras e frases do texto, un resumo do seu contido así como o sentimento dese resumo. Ademais, Linguakit facilítache as cinco palabras e multipalabras máis relevantes do texto, as entidades máis importantes que nel se mencionan, as palabras máis frecuentes e o contexto no que aparece a palabra chave que escolliches.

No entanto, se precisas ampliar esta información só tes que picar na ferramenta desexada para ver a análise completa. E outras ferramentas como o tradutor, o corrector, o etiquetador morfosintáctico e o analizador sintáctico, que non poden mostrar un resultado parcial, teñen un link que redirixe o texto a estes módulos para obter o resultado completo. Só tes que premer na icona correspondente e listo!

A que esperas? Entra en Linguakit.com e descubre como é o seu novo aspecto, máis funcional ca nunca.

0 Comments