Corrixe con Linguakit

  • 1 Agosto, 2014
  • Linguakit
  • 0 Comentarios

Dende a saída de Linguakit, o pasado mes de xuño, fomos incorporando novos instrumentos lingüísticos coa finalidade de ofrecervos unha cómoda suite para a extracción e a análise textual. Por iso, hoxe engadimos un novo e interesante módulo: o corrector.

A aplicación da enxeñaría lingüística en ferramentas de apoio a profesionais e particulares ven sendo cada vez máis e mellor valorada. Para o caso do corrector, isto é algo que, sen dúdida, redunda na mellora deste instrumento lingüístico moitas veces denostado. Por un lado, durante tempo, espallouse a idea de que a súa función se reducía a unha mera revisión ortográfica e, por outra banda, pensábase que non favorecía unha aprendizaxe autónoma dos erros. Hoxe sabemos que, todo o contrario, son claras as vantaxes de empregar esta ferramenta: a detección e a análise automática de erros minimizan o tempo de corrección e a participación activa do usuario (este é o que toma conciencia do erro e decide a súa corrección) motivan unha autoaprendizaxe madura.

Co noso corrector avanzado para portugués, galego, español e inglés, baseado en LanguageTool, un software de código aberto para máis de 20 linguas, poderás, sen perder un segundo, identificar os erros léxicos e gramaticais no texto que selecciones, coñecer a explicación didáctica dese erro e as posibles suxestións que se che ofrecen para a corrección.

Pensamos que a comunicación entre ferramenta e usuario debe ser estreita. No corrector de Linguakit traballan Cilenis e o grupo especializado en tecnoloxías lingüísticas ProLNat@GE, achegando o seu coñecemento e os seus recursos. Mais a colaboración do usuario é esencial para mellorar e actualizar este instrumento. Convértete nun usuario activo de Linguakit e axúdanos a perfeccionar e adecuar a suite de ferramentas.

Linguakit.com

0 Comments