
Linguakit determina a frecuencia das palabras
- 31 Xullo, 2014
- Linguakit
- 0 Comentarios
Redactar é unha destreza lingüística de grande valor, fácil para algunhas persoas, capaces de desenvolverse con naturalidade neste terreo e complicado para outras moitas. Como se relacionen as palabras nun texto é determinante para darlle carácter ao que escribimos e transmitir con coherencia a idea que desexamos. Así, o vocabulario escollido, a variedade das palabras, o tipo de formas empregadas (verbos, adxectivos…) e a extensión das frases definen o estilo do texto que estamos a escribir ou ler.
O analizador de frecuencias de palabras, nova ferramenta de Linguakit, axuda a coñecer o estilo dos outros e a coidar o propio.
Con este novo módulo que se incorpora hoxe a Linguakit descubrirás dunha forma rápida e sinxela a frecuencia das palabras contidas nun texto atendendo á súa categoría gramatical (verbos, adverbios, nomes, adxectivos, entidades, léxico). Así, averiguarás o estilo da túa escritura: utilizas moitos verbos? Logo as túas redaccións están cheas de acción e dinamismo? Ou usas moitos adxectivos? Os teus textos denotan un carácter descritivo?
Mais isto non é todo, Linguakit tamén che vai proporcionar outros datos xenéricos, pero non menos importates, como son: o número de frases, de palabras, de lemas e de caracteres con e sen espazos en branco. E ademais, co analizador de frecuencias podes coñecer a variedade léxica do texto calculada como unha ratio do número de lemas entre o número de palabras. Unha información moi valiosa, que poucas ferramentas ofrecen, e que che vai permitir comprobar e mellorar o estilo da túa escritura sen necesidade de dedicar gran parte do teu tempo a esta actividade.
Economiza o teu tempo.Non esperes máis e comeza a beneficiarte da utilidade deste novo instrumento. Nunca antes fora tan fácil e rápido perfeccionar e personalizar os teus escritos.
0 Comments