Teclado Galego Android made in Galicia

  • 21 Xullo, 2014
  • Cilenis
  • 0 Comentarios

Nas últimas semanas, Cilenis, en colaboración coa empresa de consultoría Faz Cultura, andou submerxida no proxecto de lanzar unha nova aplicación lingüística para dispositivos Android.
Tratábase de un teclado galego que dese unha mellor resposta respecto à corrección da lingua galega escrita, mas tamén ao seu manexo nos dispositivos móbiles: o Teclado Galego Android.

Era o primeiro teclado cento por cento gratuíto e para todos. Até a pasada semana, existían dúas opcións no mercado, pero só para certos dispositivos destas marcas (Samsung e Sony), ou de pagamento para algunhas funcións.
A elección da plataforma era clara: o 90 % dos dispositivos móbiles en Galicia son Android. Alén de que por ser un sistema operativo de código aberto ten moito que ver coa propia filosofía sobre o software libre da nosa empresa.

Con todo xa preparado, e a piques de publicar o Teclado Galego Android para compartir con todos este novo traballo, Google deu a sorpresa anunciando a saída do seu teclado para o galego. Aínda así, estamos seguros de que o noso traballo non foi en balde e, por iso, queremos deixar constancia do que fixemos e do traballo que houbo detrás publicándoo na Google Play.

O noso modus operandi foi xuntar o desenvolvemento informático, lingüístico e de consultoría cultural de Cilenis e Faz, e construír o primeiro teclado galego gratuíto, baseado no teclado oficial de Android, que ofreza a mellor resposta a unha insistente demanda: escribir correctamente nas aplicacións móbiles.
O Teclado Galego Android é unha modificación do módulo teclado (Keyboard) de AOSP ao que se engadiron os recursos lingüísticos creados por Cilenis para chegar ao grao óptimo de corrección para a lingua galega. Conta, á súa vez, con escritura xestual, predición intuitiva e un soporte lingüístico que permitiría unha continua mellora.

En concreto, foron desenvolvidos un dicionario e unha listaxe de erros comúns. O primeiro dispón de 500.000 entradas (lemas e formas flexionadas) xeradas a partir do dicionario de Avalingua e do CilenisConxugador. A isto sumáronse os topónimos, nomes de persoa e outros nomes propios extraídos da Wikipedia en galego, a Galipedia.
Por último, é moi importante para nós salientar o grande esforzo feito na creación das formas máis frecuentes de verbo+pronome (díxencho), moi comúns, pero ignoradas polos outros teclados correctores móbiles de galego, extraídas, no seu caso, de corpus creados a partir de blogues e redes sociais en galego.
A listaxe de erros comúns tamén foi desenvolvida, a partir de corpus creados, por Cilenis.

Esta nova ferramenta, feita por galegos, ao abeiro da investigación en Procesamento da Linguaxe Natural, desenvolvida polo grupo ProLNat@GE, ligado á nosa empresa Cilenis, permitirá, en breve, escribir con corrección na lingua galega.

Todos sabemos que non se pode competir con Google, mas tamén non podería acontecer que nun lugar moi afastado de Silicon Valley exista unha pequena spin-off que, axudada da súa pócima lingüística, venza ao máis grande?

Entra en tecladogalegoandroid.com e teclea!

0 Comments