
Linguakit agrándase co analizador sintáctico
- 9 Xullo, 2014
- Linguakit
- 0 Comentarios
Linguakit continúa medrando
Hoxe incorpora unha nova ferramenta: o analizador sintáctico que xurde logo de moitas semanas de traballo por parte do grupo ProLNat da USC e o equipo de Cilenis. É un módulo especialmente dirixido a expertos lingüistas e a profesionais da industria computacional.
Que é o analizador sintáctico?
O analizador sintáctico é un instrumento lingüístico dispoñible para galego, portugués, español e inglés, que estuda as relacións de dependencia existentes entre pares de palabras dun texto. Identifica o termo principal ou núcleo e o dependente de cada par de palabras, distingue a posición que ocupa cada un deles dentro da frase e ademais informa sobre a categoría morfosintáctica de cada termo e do tipo de relación de dependencia existente entre os pares.
Como funciona esta ferramenta?
O sistema emprega, como entrada, o resultado da etiquetaxe morfolóxica de cada termo do texto para, a continuación, realizar unha análise sintáctica (Parser) dos pares de palabras mediante un conxunto de regras de dependencia.
A información que ofrece o analizador sintáctico de Linguakit convértea nunha ferramenta especializada, principalmente destinada a profesionais das Humanidades Dixitais (HD). Así, co analizador sintáctico podes fusionar novas tecnoloxías coas disciplinas das ciencias humanas e sociais.
Entra en Linguakit.com e convértete nun usuario activo desta e outras ferramentas lingüísticas. Obtén valiosa información optimizando os teus recursos.
0 Comments