O etiquetador morfosintáctico de Linguakit

  • 30 Xuño, 2014
  • Linguakit
  • 0 Comentarios

O equipo de Cilenis e o grupo de investigación ProLNat da USC, co cal colaboramos dende o noso inicio, afanámonos diariamente por ofrecervos un produto de calidade. Por esta razón, tódalas semanas tentamos proporcionarvos unha nova ferramenta lingüística ata completar o paquete que conformará Linguakit. Por iso, hoxe incorporamos a este portal, unha ferramenta lingüística máis: o etiquetador morfosintáctico dispoñible en galego, español, portugués e inglés. A función principal deste módulo é a análise textual a través da etiquetaxe de tódalas palabras dun texto.

Como funciona esta ferramenta?

O etiquetador morfosintáctico recoñece a orixe de calquera palabra até chegar á súa forma primitiva, facilitándoche información morfolóxica de cada lema: dun verbo conxugado darache o seu infinitivo e clasificarao atendendo á súa forma, persoa e tempo verbal; dunha contracción indicarache as partes das que consta, analizando morfoloxicamente cada unha delas. E así con todas as palabras dun texto.

O etiquetador de Linguakit está construído a partir de varios módulos FreeLing: o etiquetador morfosintáctico, módulo principal desta ferramenta, o recoñecedor de entidades e o recoñecedor de locucións.

Con esta etiquetaxe morfosintáctica (Part of Speech Tagging), esta ferramenta lematiza cada palabra do texto e proporciona a información morfolóxica e a categoría gramatical de cada termo. Está adaptada aos usuarios de maneira que as etiquetas resultantes sexan máis recoñecibles.
Ademais, mediante o recoñecedor de entidades, o etiquetador é capaz de identificar como un só lema, nomes propios simples ou compostos (Felipe VI), e locucións.

Descubre os múltiples beneficios de empregar o etiquetador morfosintáctico. Entra en Linguakit.com e convértete nun usuario activo destas ferramentas lingüísticas. Non te arrepentirás!

Volvemos logo con máis novidades.

Linguakit.com

0 Comments