O usuario de Linguakit

  • 20 Xuño, 2014
  • Linguakit
  • 0 Comentarios

Ao longo do día as nosas conversas, ben sexan expresadas de forma oral ou de forma escrita, integran miles de palabras. Todos somos usuarios da linguaxe, pero non somos expertos lingüistas, por iso en multitude de ocasións invádennos as dúbidas sobre como se escribe unha palabra, que significado ten, como se traduce ou mesmo como se conxuga algún verbo nun idioma.
Así mesmo, en ocasións precisamos analizar un texto escrito do que queremos obter información xeral ou outra máis específica. Esta é a razón de que recorramos ao emprego de ferramentas lingüísticas dende un conxugador a un resumidor. Linguakit ofrécevos a posibilidade de localizar nun único portal estas ferramentas.
Con total seguridade, todos podemos ser usuarios de Linguakit. Mais se aínda tes dúbidas do que Linguakit che pode achegar, busca o perfil que mellor se adapte ás túas características e descubre cales poden ser as vantaxes de empregar este portal:

  • Usuario creativo. Se es unha persoa creativa, un profesional de Marketing ou de publicidade, en Linguakit poderás atopar unha serie de ferramentas como o analizador de sentimento ou os extractores de palabras chave, entre outros, cos que sacarlle o máximo partido á túa imaxinación. Así, co analizador de sentimento podes valorar, por exemplo, un slogan publicitario.
  • Usuario práctico. Se para ti ser práctico é o primordial, se en pouco tempo queres ter moita información, Linguakit pon á túa disposición o extractor de palabras e multipalabras chave, o recoñecedor de entidades, que dá unha información máis específica dun texto (o quen, onde ou cando), o resumidor…
  • Usuario explorador. Se te consideras unha persoa curiosa, que che gusta indagar sobre aspectos lingüísticos, en Linguakit vas encontrar multitude de instrumentos dixitais como extractores de palabra ou multipalabra chave, un conxugador verbal, ou un etiquetador morfosintáctico, cos que acceder e obter información sobre a lingua. Se desexas descubrir, por exemplo, o número de veces e o contexto no que aparece unha palabra nun texto, o extractor de palabras chave en contexto é a túa ferramenta.
  • Usuario perfeccionista. Se te caracterizas por ser unha persoa perfeccionista no teu oficio, sexas un experto tradutor, un editor, un xornalista ou mesmo un profesor ou pertences a algunha outra institución educativa e desexas axilizar e mellorar a calidade do teu traballo diario, poderás atopar en Linguakit instrumentos moi útiles como un tradutor, un corrector, un dicionario… Poderás traducir de forma máis eficaz un texto escrito, xa que Linguakit localizará por ti o mellor tradutor libre online dispoñible para o par de linguas que elixas.

Se te encontras entre estes usuarios ou simplemente es unha persoa innovadora que quere explorar a combinación de lingüística e novas tecnoloxías da información, tes a porta aberta do noso novo fogar, Linguakit. Ademais, hoxe continuamos agrandando este portal dando paso a dous módulos máis: o identificador de idioma e o extractor de palabras chave en contexto (KWIC). O primeiro é capaz de recoñecer en que lingua está escrito un texto grazas á utilización de modelos de linguaxe, de estruturas morfolóxicas e dun léxico con peso estatístico extraído a partir de corpus. De outra banda, o extractor de palabras chave en contexto facilitarache, de forma automática, o contexto anterior e posterior así como o número de veces que a palabra seleccionada aparece no texto.

E isto non remata aquí. A comezos da vindeira semana un interesante instrumento unirase á familia de Linguakit: o recoñecedor de entidades. Estate atento!

linguakit.com

0 Comments