Avalingua, Honorable Mention nas semifinais do MIT Portugal

  • 24 Novembro, 2013
  • Avalingua
  • 0 Comentarios

Despois de máis de seis meses de traballo duro por parte de todos os membros do equipo Cilenis, o noso proxecto Avalingua acadou a Mención de Honra no Building Global Innovators 2013, unha iniciativa do Massachusetts Institute of Technology organizado polo MIT Portugal en Lisboa.

A entrega de premios tivo lugar na tarde do xoves na capital portuguesa. No acto participaron importantes mentores e investidores de renome internacional e outras personalidades e expertos nos ámbitos do emprendemento, a innovación e a tecnoloxía.

A andadura de Avalingua no Building Global Innovators comezou no mes de xullo, tras superar con éxito unha selección entre máis de 100 star-ups de todo o mundo. Na primeira fase do certame, 20 proxectos foron mentorizados para crear os seus planos de negocio e as súas estratexias de comercialización. Grazas aos consellos de mentores, expertos en tecnoloxía e star-ups, e sobre todo ao esforzo de todo o equipo participante no proxecto, Avalingua continúa o seu camiño para ser lanzado ao mercado. O premio outórgalle á empresa, e ao seu proxecto, un gran prestixio e proxección internacional, e un acceso privilexiado a apoios e oportunidades de investimento.

Con esta ferramenta pretendemos cambiar a forma de estudar linguas. O software Avalingua foi diseñado para a avaliación automática da lingua escrita en catro idiomas: español, inglés, portugués e galego; un corrector intelixente que permite mellorar a aprendizaxe, o ensino e a xestión de linguas. Pode ser utilizado tanto para un uso individual como, especialmente, para a avaliación de grupos ou colectivos. Pensado como instrumento para a aula e como método de avaliación nas escolas, institutos e outras institucións de ensino, permite observar e monitorizar, de manera moi precisa, a calidade lingüística.

En Cilenis, seguimos combinando o noso know-how, nas áreas tecnolóxica e lingüística, aumentando a nosa gama de produtos e servizos cada ano, e axudando á mellora na eficiencia do estudo de linguas.

Despois desta apaixonante e frutífera semana en Portugal toca volver a Santiago para continuar co noso traballo no proxecto con miras ao próximo bootcamp que terá lugar en Boston na vindeira primavera.

Todo o apoio recibido nesta etapa foi fundamental para nós. En especial, o do noso socio-mentor Marc Vidal. Grazas polas palabras reconfortantes do teu blog!

0 Comments