Cilenis 1º Premio como Proxecto Empresarial Innovador

  • 29 Febreiro, 2012
  • Cilenis
  • 0 Comentarios

E comezamos con bo pé, acadando o 1º Premio do XI Concurso de Proxectos Innovadores da Universidade de Santiago de Compostela (USC). Para nós, unha auténtica inxección de entusiasmo e motivación, polo apoio e a confianza no noso proxecto empresarial centrado na Tecnoloxía Lingüística.

O concurso da USC, que xa conta cunha considerable traxectoria, alenta e premia o desenvolvemento de proxectos de carácter innovador no eido empresarial. Por esta razón, diríxese a un espectro amplo de participantes: as tres universidades galegas, os centros asociados da UNED en Galicia e as empresas constituídas ao longo do ano (coma Cilenis). Cada un dos aspirantes, debe presentar ao xurado o seu proxecto empresarial.
Os criterios valorados na avaliación dos proxectos son diversos: a súa viabilidade, o volume de emprego proxectado, o carácter multidisciplinar, e, moi especialmente, o grao de innovación dos produtos ou servizos ofrecidos.

Nesta edición na que Cilenis resultou vencedora, presentáronse ao concurso 41 proxectos procedentes dun total de 90 promotores de diferentes áreas: Informática, Bioloxía, Enxeñaría Industrial, Ciencias da Educación ou Administración e Dirección de Empresas.

O xurado do premio integrábanno, entre outros: o vicerreitor de Investigación, Francisco González; o director xeral de Promoción do Emprego, Andrés Hermida Trastoy; ou a directora da Cátedra Bancaja Mocidade Emprendedora da USC, Loreto Fernández. A todos eles, o noso máis sinceiro agradecimento pola confianza depositada en Cilenis.

Non podemos esquecernos, por suposto, dos outros premiados: a empresa Biostat, o portal web www.plasae.com e o proxecto ‘CAFI. Psicoloxía, familia e adopción‘. Dende Cilenis, unha vez máis, noraboa e moita sorte a todos eles e aos demáis participantes.

0 Comments